A parroquia de San Vicenzo de Moruxo asiste a presenza deste pazo. Orixinalmente, foi un torreón edificado en 1404, aproximadamente, ao que se lle engadiron diferentes corpos formando unha planta en forma de ele. Posúe dúas alturas, e un patio interior.
Entre as súas ilustres hóspedes o Pazo do Curro contou coa presenza da coñecida como a “Poeta das Mariñas”, Filomena Dato (1856-1926). Nada en Ourense, pasou longas tempadas no Pazo do Curro convertíndose en sede de faladoiros ós que asistían figuras como Sofía Casanova ou Pérez Lugín. Foi a segunda autora en publicar en lingua galega, e unha grande figura na defensa da muller; exemplificada en obras como Follatos (1891), e o premiado poema «Defensa das mulleres»…
«Os que negan â muller
intelixencia e talento,
a millor contestaceon
cicais que fose o disprecio.
¿D’ ónde sacaron qu’ as almas
teñen com’ os corpos seuso?
Porqu’ as probes d’ as mulleres
nunca tiveron enseño
como os homes, qu’ eran tontas,
os homes tontos dixeron;
pois anqu’ algus qu’ eran sábeos
probar quixesen o mesmo,
soilo logran porbar
que n’ human’ entendemento
todo é falibre e que poden
os mais grandes teren erros.
Eu non me met’ a estudear
si tein húmido o cerebro,
nin cal é forma millor
pra ter as almas asentos
porqu’ eu as cousas non busco,
que soilo busco os efeutos.
Inda n-os tempos que foron
n-a noit’ escura d’ os tempos
perdidos, cicais brilaron
con luminosos refrexos
coma soles esprendentes
os femeniles talentos.
¿Quén foi Minerva? decí,
¿Porqu’ as cencias se puxeron
debaixo d´ o seu amparo
e lle queimaron incenso?
¿Quén foron as nov’ hirmás
Que tiveron tantos tempros,
e pr’ as qu’ ainda’ os poetas
erguen altares n-o peito?
Mulleres foron sen duda
de crarísemo talento
á quês diviñizaría
a ademiraceón y-o tempo.
Y-est’ é unha crara sinal
de qu’ as mulleres tiveron
sempre autitú pr’ o saber
e demostraron inxenio.
Centos de mulleres sábeas
pódense poñer d’ exempro
de que nunca Dios negou
â muller entendemento.»
Filomena Dato, “Defensa d’as Mulleres” VI
Participou nos principais movementos literarios do século XIX, reivindicando a lingua e cultura galega e loitando pola liberación da muller; chegando a publicar poesía en xornais e revistas como El Heraldo Gallego, Galicia Recreativa ou Álbum Literario, entre outros. No 1906 foi nomeada membro da Real Academia Galega.
O uso actual do Pazo do Curro é de carácter residencial particular, e a súa titularidade é privada.
Enlaces web:
http://www.planeamentourbanistico.xunta.es/siotuga/documentos/urbanismo/BERGONDO/documents/1042CA071.PDF
Coordenadas: