Bergondo en feminino é un proxecto impulsado pola Concellería de Servizos Sociais para a sensibilización en materia de igualdade de xénero. Inicia o seu percorrido no ano 2019, no que a través dun proceso de investigación participativa en colaboración co grupo de voluntariado municipal, asociacións locais e veciños e veciñas referentes da comunidade, se rescataron os nomes de mulleres importantes para a historia deste territorio. Persoas que destacaron polo seu compromiso co ben común, a sororidade e a valentía para rachar cos estereotipos de xénero. Figuras que a pesar da súa importancia quedaron invisibilizadas e coas que Bergondo quere facer un exericio de reparación e xustiza social.

O mapa virtual

O mapa virtual interactivo está formado por pequenas pezas audiovisuais de curta duración, centradas cada unha dela na vida e valores das mulleres investigadas ao abeiro deste programa, e que permiten descubrir tamén os lugares e o patrimonio do municipio. Inspiradas no modelo de audioguías dos museos, estes vídeos buscan acompañar o roteiro autónomo das persoas interesadas en percorrer o concello e achegarse a estas figuras


 

Inés de Ribadeneira

– Século XVII

Coñece máis

Aínda que poucas veces a Historia nos deixe testemuño disto, a violencia de xénero sempre estivo presente na nosa sociedade. As paredes da Casa de Bergondo (máis coñecidocomo «Pazo de Mariñán») gardan o intento de asasinato da nobre Inés de Ribadeneira, señora de Bergondo, a mans do seu home. Dona Inés era filla de solteira de María González Amio. Seu pai, o nobre Fernán Díaz de Ribadeneira, deixoulle a súa herdanza. Casou con Luís Pimentel de Soutomaior, descrito como «varón de forzas hercúleas» nunha crónica do seu neto. Segundo este, Don Luís, «dominado da cabaleirosa aprehensióndos ciúmes», e aborrecido por ser «dona Inés unha señora inxenua como aldeá e menos aseada do que lle conviña ao seu estado», asestoulle á súa muller doce coiteladas nunha das estancias do Pazo. A vítima sobreviviu grazas á súa habilidade: fíxose pasar por morta, e cando o agresor tiña liscado, deu aviso para que tocasen a defunta, fuxindo mentres durou o engano para o convento de San Paio, onde se recuperou e finou anos despois.


Xabiela Fraga Sánchez

1813—?
Lugar de Babío, 12

Coñece máis

Moitas foron as mulleres que quitaron adiante as súas familias soas, mais poucas co oficio e coraxe de Xabiela Fraga. Xabiela naceu en Babío nos tempos da Guerra da Independencia, nos que poucas mulleres traballaban en empregos que non estivesen relacionados co doméstico —coma criadas, costureiras ou panadeiras. Ao ficar viúva foi con seu irmán aprender o oficio de «prata e ouro» a Ferrol, un oficio perigoso que está no xermolo do éxito xoieiro do noso municipio. Estes personaxes desprazábanse dunha vila a outra, e ao berro de «prata e ouro!», pesaban e pagaban as xoias que traían os veciños e veciñas. As dificultades nun traballo así eran moitas para unha muller da súa época. Animou ao seu fillo de trece anos a que a acompañase nestes desprazamentos, aínda que se conta que era ela quen negociaba as compravendas. Comezou adquirindo galóns de ouro dos militares de Ferrol, e pouco a pouco foi mantendo o seu negocio. Os seus descendentes son os «Xabielos», que contan hoxe con xoiarías de renome en Madrid.


Filomena Dato Muruais

– 1856—1926
Cemiterio de Moruxo

Coñece máis

Pioneiras son as que abren camiño. A «tantas veces laureada» Filomena Dato foi unha delas. Nada en Ourense, a «poeta das Mariñas» foi a segunda autora que publicou en lingua galega (só despois de Rosalía de Castro). Defendeu a valía das mulleres en veladas literarias conferencias e en obras coma Follatos, co premiado poema «Defensa das mulleres». O seu feminismo católico e racional é coetáneo do movemento sufraxista. Contou cunha rica vida intelectual, participando do movemento literario de finais do s. XIX e cunha intensa actividade xornalística en cabeceiras como El Heraldo Gallego. Dela foi testemuño o Pazo do Curro (Moruxo), onde a autora pasou estadías de descanso e inspiración en compañía de figuras como Sofía Casanova ou Pérez Lugín. As súas estimadas Mariñas protagonizan algúns dos seus versos: «¡Mariñas feiticeiras! / ¡Qué doce debe ser o eterno sono / durmindo n-esas prácedas ribeiras!». Enterrouse no cemiterio de Moruxo, que hoxe conta cunha escultura na súa homenaxe.


María Miramontes Matos

– 1895—1964

Coñece máis

Algunhas das iniciativas máis senlleiras da nosa cultura foron sostidas co tempo, o diñeiro e a intelixencia das mulleres. Así o demostra a vida de María Miramontes, veciña de Guísamo. Os seus pais, Vicente e Antonia, xornaleiros, migraron para A Coruña. Nesta cidade a nena María, esperta e lúcida, traballa como costureira e mergúllase nos ambientes culturais da época. Participa na fundación das Irmandades da Fala en 1916, onde coñece o seu compañeiro, Ánxel Casal. Promoven algunha das iniciativas máis importantes na promoción da lingua e cultura galegas, como a editora Nós ou a Escola de Ensino Galego. Fai parte do arranque do Partido Galeguista e da campaña de apoio ao Estatuto de Autonomía, defendendo sempre a necesidade de organización das mulleres. Toda a actividade compaxinada sempre coa costura en eternas xornadas de traballo. No verán do 36 o seu home, daquela Alcalde de Santiago, é fusilado en Cacheiras. María exíliase a Bos Aires, onde continuará a exercer a súa profesión, e mantendo relación con persoeiros coma Luís Seoane.


Jacinta Landa Vaz

– 1894—1993
Quinta do Cortón de San Vitorio, San Fiz de Vixoi

Coñece máis

Quen contou e cantou ás crianzas foron normalmente as mulleres. Poucas con tanta paixón, e nun contexto tan difícil, coma o de Jacinta Landa. Nada nunha familia progresista estremeña, Jacinta formouse como mestra na Institución Libre de Enseñanza e especializouse no traballo con crianzas xordomudas e cegas. O seu matrimonio con Xohán Vicente Viqueira levouna a vivir na Quinta do Cortón (Vixoi) e na Coruña. Entusiasmada pola literatura oral, grava as cancións populares que aprende, que hoxe coñecemos grazas ao cancioneiro editado pola CentralFolque. Coa morte do seu compañeiro, desprázase a Madrid e traballa como matrona e mestra, funda dúas entidades de educación libre, ademais do controvertido Lyceum Club Feminino Español. O 36 sorpréndea na Quinta do Cortón con nove crianzas dunha colonia escolar, coas que permanece pechada durante nove meses, resistindo grazas ao apoio da veciñanza. No 39 consegue evacualas, e involúcrase na asistencia aos fillos/as de persoas represaliadas. Exíliase coa súa familia a México, onde continúa a participar na vida política e cultural.


María Fernández Sánchez

– 1887—1980
Lugar da Campiña, 28

Coñece máis

O corpo, a sexualidade, os abortos e os partos. Houbo saberes que sempre foron das mulleres, aínda que o poder se esforzara desde antigo por desposuírnos deles. Antes de que o parto fose medicalizado, todas as mulleres daban a luz na casa, acompañadas por algunha veciña. Cada parroquia tiña a súa parteira, a figura dunha muller querida que acompañou os nacementos de moitas persoas. En Bergondo, esta muller é María Fernández Sánchez, «Maruxa do Chelo», que naceu e viviu en San Xoán de Lubre. Dise que coa súa axuda viñeron ao mundo máis de 800 crianzas de toda a contorna entre os anos 30 e 70. Mesmo houbo médicos que solicitaron o seu apoio en casos especialmente complicados. Por acudir nos partos, pagábaselle co que había nas casas. Pero isto non abondaba para sobrevivir, e Maruxa foi tamén labradora e peixeira: mercaba peixe na lonxa da Coruña e ía vendéndoo polas aldeas de Bergondo, cun paxe na cabeza. Pola súa bondade e implicación é lembrada con afecto pola veciñanza.


Mª Antonia Calviño Docampo

– 1897—1983
Lugar de Miodelo, 11

Coñece máis

Hai moitas vidas, sobre todo de mulleres, que nunca saen nos libros. Recollemos aquí a figura de Mª Antonia Calviño, para que a súa historia, como a de tantas outras, non fique no esquecemento. Antonia deixou de ir á escola con catro anos, mais sabía ler e escribir moi ben. Como tantas outras mozas do seu tempo, ía emigrar a Nova Iorque, aínda que ao final ficou en Cuba. Serviu nas casas, envolveu puros nunha tabacaleira, foi porteira. Gustáballe a vida alá, pero cando o seu marido quedou sen traballo volveu toda a familia para Miodelo. Tamén como moitas outras, a súa vida cambiou coa Guerra: a súa filla Angelina estaba casada con Amador Domínguez Pan, un dos guerrilleiros máis emblemáticos de Bergondo. Toda a familia sufriu a represión por lle dar acubillo a Amador. Ela estivo vinte meses no cárcere da Coruña. Sufriu ademais o asasinato do seu neto Raúl, envelenado nunha das visitas á prisión. A súa lembranza, igual ca de Amador, permanece grazas ao empeño das súasdescendentes. A súa filla Juana doou todos os documentos familiares «para que a súa historia non se esqueza».


Mercedes Núñez Targa

– 1911—1986
Lugar do Caño, 24

Coñece máis

Vidas resilientes e comprometidas, marcadas pola represión. Vidas como a de Mercedes Núñez Targa. A filla de José Núñez Otero, xoieiro bergondés afincado en Barcelona, recibiu unha boa educación e ía para monxa. Mais Mercedes decidiu saír do camiño trazado: traballou —como secretaria de Pablo Neruda, por exemplo—, e foi unha moza activa no político e no deportivo. Foi parte dun equipo de remo, do Club Femeni i d’Esports, ou de Amics del Sol.Afiliouse ás Xuventudes Socialistas e logo ao PSUC. Rematada a Guerra, foi enviada á Coruña para facerse cargo da dirección comunista, e alí detivérona. No 39 comeza un periplo represivo que a leva ao cárcere de Ventas, onde é recluída con máis de 6.000 presas políticas. Libre por un erro burocrático, fuxiu a Francia e acabou no campo de concentración de Argelés. Colaborou coa Resistencia Francesa. Detida de novo no 44, é levada ao campo de concentración nazi de Ravensbrück e liberada finalmente no 45 con fortes secuelas físicas froito das torturas e as condicións de vida. Morto Franco, volveu a Vigo, onde pasou a súa madurez elaborando un censo dos galegos mortos en campos de concentración nazis.


Luísa Viqueira Landa

– 1918—2014
Cemiterio de Ouces

Coñece máis

O amor por Galicia foi forte e rexo en moitas exiliadas e emigrantes. Algunhas, como Luísa Viqueira, fixeron xirar a súa vida arredor del. Filla de Jacinta Landa e Xohán Vicente Viqueira, Luísa naceu na Quinta do Cortón (Vixoi), e compartiu os mesmos avatares ca súa nai a partir do levantamento militar. Sendo moza, residiu por Francia, Suecia e Rusia, onde foi profesora voluntaria para crianzas da Guerra. Con 18 anos marchou ao exilio mexicano, onde mantivo unha actividade política e cultural incansable. Impulsou o Patronato da Cultura Galega de México, ensinou a tocar a gaita e a bailar a muiñeira ás familias exiliadas, colaborou na revista Vieiros e presentou cada domingo un programa de radio en «La hora de Galicia». Militou no PC e logo fundou a UPG. A represión seguiu presente na súa vida: o seu compañeiro apareceu asasinado nunha gabeira en 1949. Apenas volveu a Galicia, «a onde a miña vida foi truncada». Os seus restos descansan ao carón de seu pai, no cemiterio de Ouces, como foi a súa vontade.


Antonia Pato Pardo

– 1929 – 2005
O Outeiro 5, Ouces

Coñece máis

Mulleres que dedican a súa vida ao benestar da comunidade. Mulleres como Antonia Pato. Esta veciña de Ouces, mestra e monxa, é unha persoa moi activa no social. Monta unha escola para atender as crianzas da parroquia, primeiro no centro social que hoxe leva o seu nome e logo na casa. Convértese en monxa segrar da Grande Obra de Atocha e marcha a Uruguai como misioneira para levar a cabo a primeira fundación do Instituto Secular «Hijas de la Natividad de María», onde tamén é directora doutro centro nun barrio vulnerable no que fai formación integral a mulleres. Xa de volta a Bergondo participa das labores da igrexa de Ouces, onde imparte catequese e fai a base de datos do cemiterio parroquial, entre outras tarefas. O seu perfil de axuda humanitaria queda patente noutro episodio na década dos 70, neste caso coas persoas refuxiadas da Guerra de Laos que viñeron parar a este municipio. Implícase activamente no seu benestar e integración, apoiando a súa regularización e procurando que teñan traballo e ingresos.


María Vázquez López

– 1904 – 1991

Coñece máis

Alimentar e cociñar son traballos imprescindibles para a vida, aínda que normalmente reciban pouco recoñecemento cando son mulleres quen os desenvolve. María Vázquez López, «María de Lorenzo» é unha veciña de Ouces moi lembrada por ter sido a cociñeira das vodas antes de que estes festexos se celebrasen en restaurantes. Traballa para negocios de restauración da zona e fai de comer nos eventos e festexos da veciñanza, levando a cabo practicamente ela soa todo o proceso. Os seus pratos quedaron no recordo de moitos veciños e veciñas, así como a súa destreza para cociñar para moita xente. As xornadas de María deberon ser infinitas, que queda viúva nova. No seu entorno din dela que era coma o «sancristán de sete parroquias», en alusión á súa capacidade para facer moitas cousas nun día. Ademais desta faceta traballaba no campo, atendía os animais, coidaba os netos en ausencia da súa filla emigrada, acudía aos partos cando a chamaban e poñía inxeccións a outros veciños e veciñas. Traballos polos que case recibe nunca remuneración, pero de moita importancia para as persoas do lugar.


Natividad Martínez de Pan

– 1918 – 2009
A Brea, 168, Guísamo

Coñece máis

Aínda en tempos escuros para as mulleres, hóuboas que dedicaron a súa vida á investigación, a escrita, a recuperación e divulgación do patrimonio. Este é o caso de Natividad Martínez de Pan. «Nati de Pan» críase nunha familia labrega próspera de Guísamo e axuda na escola da súa irmá. Amosa unha forte vocación pola historia, como demostra o feito de que na súa casa montase un pequeno museo sobre as orixes da casa, con apeiros de labranza e outros obxectos de interese etnográfico. A partir dos 40 anos comeza a escribir, elaborando tres obras principais: Guísamo, su arte y su historia, a autobiografía Algunos de mis relatos, e unha triloxía de novelas, nas que abundan os personaxes femininos e se aborda entre outros o tema da Guerra Civil. Conta tamén con diarios de todos os anos da súa vida. Involúcrase na vida social de Guísamo a través da Sociedade Recreativa, da que seu pai fora un dos fundadores, e a través da igrexa, na que axuda con asiduidade. Remata os seus anos en Madrid e logo na residencia de Betanzos, aínda que sempre con nostalxia pola súa querida terra de Guísamo.


Indalecia Juana Pérez Mesa

– 1904 – 1995
Moruxo, 72, Moruxo

Coñece máis

Hai oficios, sobre todo desenvolvidos por mulleres, que nunca saen nos libros. Recollemos a historia de Indalecia como mostra de traballos populares que dan conta da nosa historia recente. Dende mociña emprende numerosas tarefas para gañar a vida, algunhas das cales poden resultar curiosas a ollos actuais. É costureira, practica o estraperlo na dura posguerra, e é curandeira: a xente do lugar acode á súa casa a quitar o mal de ollo, o aire de defuntos, ou facer o «polo aire» dos bechos cando os traba algún insecto. Ademais, como a maior parte das veciñas e veciños do seu tempo, dedícase a cultivar a terra. Pero Indalecia é especialmente lembrada pola súa conexión co mundo do mar. Marisca ameixas e longueiróns na ría, cando este quefacer estaba permitido nas fértiles ribeiras de Bergondo. É unha das poucas persoas que ademais de auto-abastecemento fai venda do produto a clientes coma o «Cubano», veciño que rexentaba unha pequena casa de comidas na praia. É lembrada pola súa destreza nesta tarefa.


Carmen Miramontes Vidal

– 1936 – 2022
O Casal, 17, Cortiñán

Coñece máis

Quen habitou e coidou os lavadoiros foron case sempre mulleres. Figuras que merecen a nosa lembranza, como a de Carmen Miramontes. Carmen nace no seo dunha familia labrega humilde. É especialmente recordada no lugar pola súa relación co lavadoiro de Cortiñán, como demostra o feito de que no 2020 un grupo de persoas da parroquia promovese o nomeamento deste espazo co seu nome e a colocación da placa que podes ver nel. Situado en fronte da súa casa, pasa boa parte do seu tempo neste lavadoiro, lavando e socializando con outras veciñas. A súa presenza aquí é tan habitual que pasa a coñecerse coma o «lavadoiro de Carmen». É ela quen coida deste ben público durante moitos anos, axeitando o espazo de maneira altruísta. Mesmo nos tempos nos que cada quen ten xa a súa lavadora na casa, ela segue visitando e mantendo este ben común, evitando o seu deterioro. Os lavadoiros foron espazos cruciais na socialización das mulleres, onde compartir preocupacións, medos, risas e tempo. Hoxe están en desuso, pero seguen sendo parte do patrimonio cultural do concello, elementos cheos de lembranzas como a desta veciña.



Centros socioculturais Bergondo en Feminino:

No ano 2020 renomeáronse 7 equipamentos municipais e 1 equipamento máis no ano 2021 cos nomes das mulleres homenaxeadas.

1 – Filomena Dato Muruais:

2 – Mª de los Dolores Miramontes Matos:

3 – Jacinta Landa Vaz:

4 – María Fernández Sánchez “Maruxa do Chelo”:

5 – Mercedes Núñez Targa:

6 – Luísa Viqueira Landa:

7 – Xabiela Fraga Sánchez:

8 – Antonia Pato Pardo: