O Pazo de Mariñán é unha fermosa Casa Grande Señorial atopada no concello de Bergondo, parroquia de San Salvador de Bergondo, na provincia da Coruña. Situada na marxe esquerda da ría de Betanzos, presenta elementos barrocos no seu corpo arquitectónico e no seu xardín de estilo francés. Foi declarado Conxunto Histórico-Artístico en 1972.
Tamén coñecido como Pazo de Láncara, Quinta de Bergondo, Pazo de Bergondo ou Casa de Láncara; as súas raíces teñen a orixe no século XV, cando Gómez Pérez das Mariñas I, nobre da corte de Xoán II de Castela, mandou construír unha defensa. Gómez Pérez das Mariñas participou activamente na Gran Guerra Irmandiña (1467-1469). Inicialmente era coñecido como Pazo de Bergondo, Gómez Pérez casou con Teresa de Haro, pertencente a unha familia da nobreza biscaíña. Os sucesivos donos e señores do pazo emparentaron con diversas familias nobres galegas: os Ribadeneira, Lemos, Oca e Suárez de Deza; estes últimos posuían a Casa de Láncara en Lugo, e deste modo foron fusionadas a Casa de Mariñán e Láncara.
Ao longo da súa historia, o Pazo de Mariñán pasou por varias mans e foi escenario de importantes eventos e reunións sociais. Foise herdando de pais a fillos até chegar a mans de Gerardo Bermúdez de Castro y Suárez de Deza, señor de Láncara. Ao morrer este en 1936 sen descendencia, o pazo quedou legado á Deputación da Coruña para fins sociais. Ao ser os seus últimos propietarios Señores de Láncara, o pazo foi coñecido polos seus contemporáneos como Pazo de Láncara, sendo así recordado pola veciñanza da época. Na declaración como conxunto histórico artístico no 1972 farase mención a este dobre nome, que oculta o máis antigo de Pazo ou Quinta de Bergondo.
Do século XVIII datan as dúas escalinatas do Patio de Armas, e a que descende ós xardíns, adornadas con remates e esculturas labradas en granito.
O conxunto de xardíns de escola francesa están formados con mirtos recortados, debuxando complicados encaixes de precisas xeometrías. O xardín do Pazo está declarado coma Ben de Interese Cultural e conta con exemplares botánicos de grande importancia, tres deles figuran no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia. Destacan árbores de especies raras e exóticas, entre as que se atopa un pequeno bosque de eucaliptos, que foron dos primeiros en chegar a Galicia, da man do bispo de Nova Nursia (Australia), Frei Rosendo Salvado.
Hoxe en día, o Pazo de Mariñán converteuse nun centro cultural e turístico. A propiedade inclúe fermosos xardíns, un bosque e un estanque, o que converte ao Pazo nun lugar atractivo para visitantes interesados na historia e a arquitectura galega. Ademais, a casa é coñecida pola súa biblioteca, que alberga unha colección de libros antigos e documentos históricos.
A historia do Pazo de Mariñán é un testemuño da riqueza cultural e histórica de Galicia e a súa capacidade para preservar e celebrar o seu patrimonio arquitectónico.
Horarios de visitas
-
- Visita ós xardíns: De 11:00 a 19:00 horas. Visita libre.
- Visita ó interior: De 11:00 a 18:00 h. Visitas guiadas cada 45 minutos; a derradeira é ás 17:00 h.
- Prezo: Gratuito
- Dirección: Mariñán 15165 Bergondo
- Telf. atención a visitantes: 663 249 973
- Email: pazo.marinan@dacoruna.gal
Referencias bibliográficas:
García Iglesías, J. M. (2001). Guía dos pazos de Galicia – A Coruña. Santiago de Compostela: Editorial Galaxia.
Enlaces web:
http://bergondo.es/turismo/historia/
http://inventariopatrimoniocultural.xunta.es/
http://www.planeamentourbanistico.xunta.es/siotuga/documentos/urbanismo/BERGONDO/documents/1042CA071.PDF