En plena Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, no interior da Ría de Betanzos, o Observatorio do Pazo de Mariñan ven a coroar un fermoso xardín botánico de aproximadamente 17 hectáreas.
Capacitado co Certificado Destino Observer de Turismo Científico, o Observatorio ofrece unhas exclusivas vistas das marismas da zona húmida da Ría de Betanzos e o Río Mandeo. Unha zona de contacto entre augas fluviais e marítimas no interior da Ría de Betanzos e de grande importancia para as aves, en especial as migratorias, que a utilizan como refuxio e para a provisión de alimentos nos seus longos traxectos.
Dende a propia estructura do Observatorio, composta por dúas plantas, podemos contemplar especies de aves rapaces como a Aguia Pescadora (Pandion haliaetus) ou a Tartaña das Xunqueiras (Circus aeruginosus); aves limícolas como o Mazarico Chiador (Numenius phaeopus) e Real (Numenius arquata), o Bilurico Común (Tringa totanus) e Claro (Tringa nebularia), Garza Real (Ardea cinerea) e algún Culleiro (Platalea sp.); aves acuáticas como os lavancos (Anas platyrhynchos) e o Mergullón pequeno (Tachybaptus ruficollis); e aves mariñas como a Gaivota Chorona (Chroicocephalus ridibundus) e Patiamarela (Larus michahellis), e o Corvo Mariño Grande (Phalacrocorax carbo).