En plena Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, no interior da Ría de Betanzos, o Observatorio do Pazo de Mariñan ven a coroar un fermoso xardín botánico de aproximadamente 17 hectáreas.

Capacitado co Certificado Destino Observer de Turismo Científico, o Observatorio ofrece unhas exclusivas vistas das marismas da zona húmida da Ría de Betanzos e o Río Mandeo. Unha zona de contacto entre augas fluviais e marítimas no interior da Ría de Betanzos e de grande importancia para as aves, en especial as migratorias, que a utilizan como refuxio e para a provisión de alimentos nos seus longos traxectos.

Dende a propia estructura do Observatorio, composta por dúas plantas, podemos contemplar especies de aves rapaces como a Aguia Pescadora (Pandion haliaetus) ou a Tartaña das Xunqueiras (Circus aeruginosus); aves limícolas como o Mazarico Chiador (Numenius phaeopus) e Real (Numenius arquata), o Bilurico Común (Tringa totanus) e Claro (Tringa nebularia), Garza Real (Ardea cinerea) e algún Culleiro (Platalea sp.); aves acuáticas como os lavancos (Anas platyrhynchos) e o Mergullón pequeno (Tachybaptus ruficollis); e aves mariñas como a Gaivota Chorona (Chroicocephalus ridibundus) e Patiamarela (Larus michahellis), e o Corvo Mariño Grande (Phalacrocorax carbo).

Coordenadas:

43°18’52.1″N – 8°12’56.3″W

Bibliografía asociada:

  • Sandoval Rey, A. e Puertas Afuera S.L. (2020). Guía de turismo ornitológico. Asociación Mariñas-Betanzos, Reserva de Biosfera “Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo” UNESCO – Programa MaB
  • Enciclopedia de las Aves de España. SEO/BirdLife e a Fundación BBVA (2008).