A igrexa de San Fiz de Vixoi presenta unha planta rectangular cunha única nave e un presbiterio elevado, do que sobresae un pequeno engadido no muro norte que funciona como sancristía. Os muros de carga están revocados e pintados de branco, deixando á vista as peças de cantería que enmarcan os ocos e reforzan os esquinais da fachada.
A cuberta da nave é a dúas augas, mentres que o presbiterio se cobre a catro e a sancristía a tres, todas con tella curva tradicional do país.
A fachada principal, de composición sinxela e esquema pentagonal, organízase arredor do seu eixo central. Na parte inferior sitúase a porta principal alintelada, sobre a cal se abre unha xanela rectangular abucinada que permite a entrada de luz ao interior. No vértice superior elévase unha espadana dun só corpo, composta por dous arcos de medio punto apoiados en piares que acollen as campás. O conxunto remata cun acroterio moldurado, coroado por unha cruz octogonal de pedra e flanqueado por dous pináculos piramidais.


