Cruceiro de tipo “De Crucifixo” con plataforma cuadrangular de tres chanzos e pedestal cúbico achafranado. Ten unha mesa exenta. O varal é cadrado con bocel. Leva un capitel tronco-piramidal invertido con astrágalo cuadrangular e liso. O ábaco é de lados rectos e ten volutas e follas de acanto. A súa cruz é rectangular con pedestal, brazos achafranados e remates de forma potenciada. No anverso da cruz presenta a Cristo Crucificado con catro cravos e as mans abertas. Ten a cabeza ergueita cunha coroa de espiñas. O pano de pureza semella ir anoado diante. Polo reverso da cruz fica a Virxe en actitude de orar coas mans en cruz sobre o peito. O cruceiro é todo de granito cun bo estado de conservación.