En 1924, un grupo de emigrantes galegos orixinarios de Bergondo e residentes en Nova York acordaron constituír unha Asociación que se denominou “Centro de Instrucción y recreo de Bergondo y sus contornos”. Esta Asociación rexistrada no Goberno Civil o 17 de decembro de 1926 co propósito do cumprimento dos seus obxectivos de carácter instrutivo, cultural e deportivo, adquiriron a finca denominada “A Senra” de 9.135 m2. Posteriormente, coas achegas económicas dos seus socios e a colaboración desinteresada de moitos bergondeses, levantouse unha edificación dotada de semisoto de 260 m2, baixo de 669 m2 e primeira planta de 408 m2, complexo este que foi inaugurado o día 12 de Xullo de 1936.
Trala sublevación militar contra a República o 18 de Xullo de 1936, o complexo foi ocupado por tropas militares franquistas, segundo consta nas actas da Sociedade de 4 de agosto e 12 de setembro de 1936. Seguidamente abriuse un expediente pola Comisión Central de Bens Incautados e por decreto de 14 de xullo de 1937, acordouse a incautación do edificio e terreos anexos, e a súa ocupación como propiedade do estado, con fundamento no decreto núm. 108 da Xunta de Defensa Nacional de 13 de novembro de 1936, e como consecuencia de todo isto, tal e como figura na certificación rexistral, a Xefatura Superior Administrativa de Responsabilidades Políticas acordou que se inscribise o inmoble e terreos indicados no rexistro da Propiedade a favor do Estado, interesándose inscrición de dominio , e como tal figuraba no Tomo 961, Inscrición 1ª e única do Rexistro da Propiedade de Betanzos.
Rematada a Guerra Civil, e segundo O.M. de 7 de novembro de 1944, decídese a súa adscrición ó Ministerio de Educación, quen á súa vez o adscribe á Universidade de Santiago, segundo consta na acta asinada polo reitor con data 5 de febreiro de 1945, que o destina a Albergue Universitario dependente do SEU.
Durante os anos 50 e 60, funcionou como Albergue, no que se desenvolvían actividades propias das Organizacións do Réxime, SEU e Falanxe. A partir dos anos 70 e ata o ano 2000, tanto dende os exiliados e emigrados bergondeses en Nova York como dende o Concello de Bergondo fixéronse tódalas xestións posibles diante dos sucesivos Gobernos do Estado reclamando a devolución dun Patrimonio de gran transcendencia social e histórica para Bergondo inxustamente incautado durante a Guerra Civil. No ano 2001, data na que foi finalmente cedido ó Concello de Bergondo pola Dirección Xeral de Patrimonio do Estado.
Finalmente, no 2000, o inmoble “ A Senra” foi cedido pola Dirección Xeral de Patrimonio do Estado ó Concello de Bergondo, co compromiso da súa reconstrución e conversión nun Centro Sociocultural.