Situado na parroquia de Santa María de Babío, preto da capela e centro sociocultural. É un pazo de planta rectangular con varios corpos perpendiculares arrimados. Constitúeno un baixo e dúas plantas, e ten unha galería nunha das súas fachadas. A fachada é de granito recebado e pintado de branco, nela podemos diferenciar un portón neoclásico e o escudo familiar. A cuberta é de tella curva, e posúe uns extensos xardíns amurallados.
Nestes xardíns, orixinarios do ano 1853, consérvase unha abundante e variada gama de especies arbóreas como unha secuoia xigante (Secuoiadendrom giganteum), duns 30 metros de altura aproximados, tamén chamada wellingtonia por ser o Duque de Wellington o primeiro que as trouxo dende California, de onde son orixinarias. A idade deste exemplar está taxada nuns 150 anos aproximadamente; podendo chegar aos 2000 anos de idade e aos 100 metros de altura.
Dentro dos xardíns, podemos diferenciar unha sebe de buxos ananos podados baixo a forma de J.M. facendo referencia ás iniciais que corresponden a José María Moscoso de Altamira, primeiro conde de Fontao.
O seu uso actual é de carácter residencial particular, e a súa titularidade é privada.
Enlaces web:
http://bergondo.es/turismo/historia/
http://www.planeamentourbanistico.xunta.es/siotuga/documentos/urbanismo/BERGONDO/documents/1042CA071.PDF
Coordenadas:
43º 18′ 35.0″ N – 8º 15′ 03.9″ W