Concello de Bergondo

A igrexa de Santa Mariña de Rois presenta unha planta rectangular cunha única nave e un pequeno engadido no muro norte que funciona como sancristía. Os muros de carga, revocados e pintados de branco, deixan á vista as peças de cantería que recercan os ocos e reforzan os esquinais. A cuberta da nave, a dúas augas, está rematada con tella curva tradicional do país.

A fachada, de traza sinxela e esquema pentagonal, organízase verticalmente arredor do seu eixo central. Na parte inferior atópase a porta principal alintelada, sobre a cal se abre un oco semicircular. No vértice superior elévase unha espadana de dous corpos apoiada sobre unha base, flanqueada por dous pináculos piramidais coroado cada un cunha bóla. O primeiro corpo da espadana componse de dous arcos de medio punto que descansan sobre piares moldurados e acollen as campás. O segundo corpo remata nun frontón triangular curvo, cun oco en arco de medio punto, coroado por un pináculo con bóla e cruz de forxa.

Como é habitual nas igrexas rurais galegas, o cemiterio sitúase no adro, conformando un conxunto simbólico onde conviven a parroquia dos vivos e a parroquia dos mortos.